viernes, 2 de marzo de 2012

En tempos de María Castaña

Buscando aquí e alá soubemos da Pena dos Catro Cabaleiros, a máis de 1.100 metros de altura. Está entre os concellos de Pobra de Brollón, Folgoso do Caurel, Incio e Samos. Pódese ver desde o alto toda a Terra de Lemos e a Serra do Courel. É moi abondosa a vexetación e hai moitos animais que non se acostuman ver nas zonas máis poboadas; xabarís e corzos. Segundo puidemos ler, na Pena dos Catro Cabaleiros reuníanse os nobres de Pobra de Brollón, Folgoso do Courel, Incio e Samos antigamente.

A pena dos Cabaleiros
Pero non todos eran nobres: a maior parte da poboación de Galicia era campesiña, xunto con artesáns e mariñeiros. Na parroquia de Cereixa, había tamén gandeiros que tiñan unha ou dúas vacas e algunhas ovellas.

Había tempo que houbera una epidemia de peste e a xente andaba polos camiños rezando e pedindo a Deus que se apiadase dela, que non era merecedora daquel castigo. En moitas aldeas a xente morría e cada vez estaban máis abandonadas as leiras. María Castaña perdeu a súa nai naquela epidemia e agora volvía outra vez a peste e outra vez a xente estaba triste e preocupada polas consecuencias que se adiviñaban. Hoxe dicimos “en tempos de María Castaña” cando nos referimos a unha época moi antiga,  fai moito tempo…

Don Pedro, o bispo de Lugo, non tiña piedade, pois os impostos aos que tiña dereito esixíallos aos campesiños aínda que estes fosen pobres e estivesen tristes ao ter perdido a familiares por culpa da peste. A paisaxe da Pobra de Brollón e a da aldea de Cereixa mesmo parecía que cambiara; os días de sol non parecían que fosen de sol; os días de festa non parecían que fosen de festa. Polas noites María Castaña non durmía pensando en que habería que facer algo. Os cabaleiros daquelas terras non colaboraban, pero tamén estaban contra Don Pedro, o bispo de Lugo, porque ambicionaban as súas riquezas.

Serra do Caurel
Unha mañá, moi cedo, María Castaña chamou á porta dunha veciña para dicirlle que quería falar con ela. Edelina, que era como se chamaba a súa veciña, quedou espantada co que oíu: María quería levar ata o Castro dos Cabaleiros a todos os veciños que quixesen loitar contra o bispo, armados con chuzos e fouces, con paos e forcas. Chamaron o marido de Edelina e a un sobriño chamado Bertomé. Este avisou a un amigo seu chamado Lope e este a outros, mozos e mozas, homes e algunhas mulleres, animadas pola valentía de María Castaña.

Algúns choraban porque crían que aquilo non ía acabar ben; outros rezaban, outros dicían malas palabras alporizados como estaban. Cansos de pagar impostos, de ter desgrazas, de non recibir compaixón de ninguén.

María Castaña ía diante, con Edelina e Bertomé. Os demais, uns centos, seguían polo camiño real, pasando por aldeas e parando para que se lles unise máis xente. Ás comarcas veciñas chegara a noticia e saían máis campesiños, mozas e mozos para unirse a María Castaña, que con decisión mandaba parar cando conviña e marchar cando o consideraba necesario. Así botaron varios días ata chegar á cidade de Lugo. Pero nas portas da cidade había soldados mandados polo bispo, avisado por algúns veciños que lle servían.

Houbo unha grande pelexa, morreron moitos, pero outros foron quen de escapar e esconderse. O día seguinte volveron a reunirse preto da cidade, nunha carballeira onde María Castaña lles citara en caso de ter que dar volta. Alí decidiron enviar un mensaxeiro ao bispo para explicarlle as súas queixas. Dous mozos e un home vello chegaron a Lugo e pediron permiso para falar co bispo, quen lles fixo agardar case dúas horas. Ao cabo, o bispo díxolles que actuaba en nome de Deus, que non se lle podía desobedecer porque el era a autoridade, que a recibira do rei. Prometeu, non embargante, ter en conta as queixas dos veciños.

Palacio do bispo de Lugo
De volta, María Castaña e os demais, varios centos, escoitaron os emisarios. Non estaban ledos, pero sabían que tiñan unha forza que podería dar resultados. Estaban seguros de que o que lles pasaba era unha inxustiza e decidiron continuar camiño para convencer aos veciños doutras aldeas. A grande revolta  estábase preparando; María Castaña tiña a convición de que conseguirían algo e soñaba con que na súa aldea se volvese a ver o sol, volvese a haber festas. Un día espertou e estábana esperando: eran uns soldados que a viñan deter para levala ante a xustiza. O soño de María esvaeceuse, pero  recollémolo nós, que temos aprendida a lección. Unha muller, nun tempo onde mandaban os homes, soubo deixarnos un exemplo que non esqueceremos, aínda que sexa dos “tempos de María Castaña”.

Casa antiga en Pobra de Brollón

Autoras:
Carmen Castro
Andrea Magariños
Paula Sanmartín
Nikea Outeiral

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario